top of page
Buscar
compasses0

É conservar a infraestrutura verde do Rato o auténtico progreso?

Actualizado: 4 abr 2023

Ó longo do actual debate en torno do proxecto da Rolda Leste, coma noutros debates semellantes, é raro que non saia nas conversas o sacrificio de cara ó "progreso" coma xustificación de por qué construir a obra: se queremos progresar como sociedade, non se poden facer máis consideracións para a execución de obras que as que demande a solución técnica do proxecto.

Nesta entrada do blog é a nosa intención aportar diferentes puntos de vista non só para desvelar que non hai un argumento sólido detrás dese razonamento, senon para, de feito, darlle a volta: por que o progreso non vai consistir en non levar adinte o proxecto actual da Rolda Leste? Por qué non equiparar o progreso coa capacidade da cidadanía luguesa para acceder a espazos verdes de alta calidade ambiental, necesarios dende múltiples puntos de vista?

Na valoración por parte da cidadanía e as administracións públicas debería ter relevancia unha cuestión de fondo, básica e fundamental, que é importante non deixar de lado: a existencia dun medio natural san e funcional accesible por parte das persoas non debe considerarse coma un artigo de luxo ou un elemento de importancia secundaria: resulta imprescindible para calquera sociedade, abarcando múltiples compoñentes sociais, económicas, e culturais, e implicando tódolos niveis (físico, mental e mesmo espiritual) dos seres humanos [1].

Figura 1. A senda que atravesa unha carballeira, evoca tempos pasados mentras nos conduce a micromundos que nos falan de abundancia micorrícica, diversidade artrópoda e riqueza ornitolóxica, entre outras moitas cousas... polo de agora. (Fotografías de Emilio Díaz)

Para comezar, a definición concreta de que é un medio natural san e funcional podería ser discutida extensivamente, pero definámolo aquí como un contorno o máis diverso posible en estruturas, formas, e procesos que resultasen da interacción entre diferentes formas de vida (incluída a humana); diverso, en fin, en ecosistemas, especies e xens. Hai diferentes razóns para defender esta visión: o propio valor intrínseco que teñen as múltiples formas de vida, e que induce unha resposta ética pola nosa parte para a súa preservación; a nosa propia necesidade humana de establecer unha relación co natural, de forma tanto empírica coma afectiva ou cognitiva [2]; ou a dependencia real que temos como sociedade cos servizos dos ecosistemas, para os cales a biodiversidade proporciona unha función de soporte fundamental [3]. Para aqueles non familiarizados con este concepto de servizos dos ecosistemas, convén aclarar que son aqueles bens e servizos que obtemos da natureza e que son fundamentais para o benestar da sociedade. Así, a capacidade de obter alimentos, materias primas, e enerxía; a protección fronte a erosión; a regulación térmica minimizando o efecto das bolsas de calor; a fixación do carbono, esencial na loita contra o cambio climático; a mellora na calidade das augas ou do ar; o sentido de pertenza a un lugar; os beneficios psicolóxicos do contacto co medio natural; ou o coñecemento tradicional sobre o uso do contorno, por citar uns poucos exemplos, están directamente relacionados coas estruturas e procesos naturais que acontecen nos ecosistemas, entre os que a biodiversidade ten unha importancia destacada [4].

Nos últimos anos, o recoñecemento consciente desa necesidade, por parte da sociedade, de acceder ós diferentes servizos dos ecosistemas e os beneficios que presta a natureza ás persoas, ó mesmo tempo que se garantan niveis altos de biodiversidade que permitan contribuír á integridade ecolóxica do territorio, estase a recoñecer a nivel internacional a través do concepto técnico de infraestrutura verde. As infraestructuras verdes están a ser recoñecidas como unha necesidade a nivel das políticas territoriais na Unión Europea, para as cales ten desenvolvido unha estratexia específica [5], onde as define coma unha rede de zonas naturais e seminaturais e doutros elementos ambientais, planificada de forma estratéxica, deseñada e xestionada para a prestación dunha extensa gama de servizos ecosistémicos; que incorpora espazos verdes ou azuis (ecosistemas acuáticos); e que nos espazos terrestres, estaría formada tanto por contornos rurais coma urbanos. Esta estratexia, ademais de definir directrices ó nivel europeo, establece que os estados membros deberán desenvolver estratexias ó nivel estatal e inferiores.

Figura 2. Superposición da cartografía da Estratexia de Infraestrutura Verde de Galicia co mapa base vectorial de 2020 (mapas.xunta.gal). O trazado da Rolda Leste dixitalizouse sobre o mapa topográfico para a figura. Os elementos da lenda superpuxéronse collendo os da propia Estratexia (Elaboración propia a partir dos documentos e cartografía citadas. Ver referencias no texto).

Para cumprir con esta necesidade, actualmente contamos cunha “Estrategia Nacional de Infraestructura Verde y de la Conectividad y Restauración Ecológicas” [6] desenvolvida ó nivel estatal, e (logo de moitas idas e vidas) cunha “Estratexia Galega de Infraestrutura Verde e da Conectividade e Restauración Ecolóxicas” [7] en período de aprobación. Inda que nunha versión bastante máis reducida que a do estudo inicial previa a súa posta en tramitación [8], a estratexia define unha serie de elementos de infraestrutura verde identificables de forma clara na súa cartografía, e que inclúen o río Rato ó seu paso pola capital lucense (definido como corredor fluvial) e o seu entorno (definido coma zona multifuncional para a calidade de vida da poboación; ver figura 2). Inda recoñecendo que o documento da estratexia é mellorable en detalle e contido, reflicte claramente na súa representación a capacidade do patrón espacial do territorio no entorno da cidade luguesa para cumprir as funcións dunha infraestrutura verde. O proxecto da Rolda Leste, tal como se ve na figura, propón un trazado que se superpón a dous dos elementos de infraestrutura verde definidos á estratexia. Ben sexa por cuestións cronolóxicas ou doutro tipo, non se fai consideración algunha á estratexia ou os seus elementos en ningunha parte do documento, incorrendo en calquera caso nunha falta de coherencia que, desgraciadamente, resulta demasiado habitual na concorrencia das diferentes políticas públicas no territorio [9]. Para determinar o alcance de dita falta de coherencia sectorial, debemos lembrar que a normativa vixente en materia de ordenación do territorio (Lei 1/2021, de 8 de xaneiro) dedica a totalidade do seu Artigo 9 á infraestrutura verde, definíndoa como un sistema territorial básico, composto por elementos de alto valor ambiental, cultural, agrícola e paisaxístico, xunto con áreas cuxa transformación implique riscos ou custos ambientais para a comunidade, e por corredores ecolóxicos que funcionen coma conexións funcionais para os elementos anteriores - básicamente, o Paseo do Rato cumpliría claramente coa definición. Pero tamén de forma importante, establece que as determinacións da estratexia galega de infraestrutura verde e da conectividade e restauración ecolóxicas deberán terse en consideración nos instrumentos de ordenación do territorio; e que a infraestrutura verde é extensiva ás zonas urbanas ou urbanizables, regulando usos e aproveitamentos tanto en zonas que conten con réximes de protección específica coma en aquelas que non conten cos mesmos. E neste sentido, no caso específico das carballeiras do Rato debemos ter tamén en conta que se son de hábitats de interese comunitario (9230-Carballeiras de Quercus pyrenaica e carballeiras de Quercus robur e Quercus pyranaica do Noroeste Ibérico) incluidos na European Habitat Red List coma vulnerables (G1.8 - Acidophilous Quercus woodland) dentro da Reserva da Biosfera Terras do Miño.

Figura 3. Exemplos dos impactos da Rolda Leste sobre a infraestrutura verde do Rato. Ver texto para detalles.

Partindo de toda esta base, e en calquera caso, ata que punto compromete o trazado da Ronda Leste á actual infraestrutura verde da cidade? Spoiler alert: bastante. Poñeremos algúns exemplos, sen pretender facer un balance exhaustivo, esquematizados na figura 3. Nela pódese ver coma o deseño actual da Ronda Leste produce unha clara fragmentación da área de carballeiras situadas en torno ó Río Rato, aproximadamente entre San Fiz, Bosende e Barbaín [A]. A eliminación dunha parte importante do ecosistema forestal tería un efecto directo sobre valiosas especies de flora e fauna. Pero temos ademais que ter en conta que, dende un punto de vista territorial e ecolóxico, os impactos dunha infraestrutura lineal poden manifestar os seus efectos en localizacións distantes ós puntos do impacto mesmo. Deste feito, produciríase un progresivo deterioro ó longo do tempo nos remanentes de dito ecosistema [B]. Comezaría por un efecto borde: a disección da carballeira sometería o que quedara da a variacións na exposición á luz, ó vento e a outros elementos meteorolóxicos, alterando a composición e configuración das especies da zona. Seguiría un progresivo e ben estudado [10] proceso de intensificación da fragmentación, contracción e finalmente desaparición do que quedaría das carballeiras, ou polo menos da perda da súa compacidade e capacidade de conexión, que afectaría á integridade ecolóxica de toda a área. Se isto se producise, tamén tería outro tipo de efectos sobre os servizos ecosistémicos: veríanse afectados espazos que agora están a verse beneficiados pola protección a nivel climático (regulación térmica, protección contra o vento, etc.) e hidrolóxico (protección contra o escoamento e a erosión) da carballeira, tanto zonas próximas como a zona de hortas urbanas [C], coma espazos mais distantes dos núcleos rurais e zonas urbanas. Por outra parte, a execución dos taludes proxectados no pequeno val do Rego de Samai [D] terían (ademáis de un impacto estético importante) un efecto barreira para a conectividade, e ademáis outro tipo de procesos ecolóxicos [11]. Ademáis, todo isto non supón só un impacto para a flora e a fauna, senón para o acceso peonil da veciñanza local ás infraestruturas verdes e os servizos ecosistémicos asociados [E]. Existen importantes precedentes de como as infraestruturas lineais terminan exercendo de barreiras ou obstáculos para as sendas de desprazamento peonil afectando especialmente a veciños e comunidades locais, que se sinten privados do acceso a infraestruturas verdes consideradas por eles como fundamentais [12]. No caso específico do Rato, estas sendas integrarían ademáis elementos de elevado valor patrimonial, como é o caso da vía Künig. Finalmente, pero de forma moi importante, o impacto prodúcese nunha das zonas máis vulnerables para a conexión da rede de infraestruturas verdes da cidade de Lugo [F]. Na planificación ecolóxica da paisaxe, a necesidade de establecer medidas e aplicar deseños para a protección de puntos estratéxicos nas redes ecolóxicas é prácticamente un mantra: non só importa que está, senón tamén onde está, e como conecta con que [13]. A ameaza da degradación asociada á construcción da Rolda Leste prodúcese precisamente nun punto de conexión estratéxico entre o río Rato e o Miño, condicionando non só a conexión para a poboación peonil, e a conectividade para moitos procesos ecolóxicos.


A execución do proxecto da Rolda Leste co seu deseño actual danaría irreversiblemente unha das infraestruturas verdes fundamentais para a cidade de Lugo, e limitaría en grande medida as posibilidades futuras de mellora ambiental a través deste tipo de infraestruturas no contorno da cidade. A cidadanía e os poderes públicos deberán plantexarse se unha cidade como a nosa pode prescindir, para o seu progreso, dunha área esencial para a saúde das persoas, o servizos que a natureza dá á nosa sociedade, e a integridade dos ecosistemas periurbanos [14]. Fronte a esto, a necesidade dunha infraestrutura viaria 'gris' pode decidirse a través de moitas máis alternativas posibles, se se adoptan criterios serios de gobernanza territorial na toma de decisións. Non facelo neste caso específico sería pouco xustificable e moi decepcionante.



Notas:

[1] En realidade, non é preciso un elevado nivel de abstracción para comprendelo. Para unha versión curta, a aqueles que viven na cidade simplemente invítolles a que lembren o primeiro día no que abandonaron o confinamento para saír... a onde? Só unha pregunta: canta superficie dese lugar facía a fotosíntese? Ahá!

[2] Sobre as diferentes formas nas que os humanos precisamos conectar coa natureza, a razón e situacións nas que estas formas varían, e a importancia fundamental das mesmas, ver o recente traballo de Soga & Gaston, 2023

[3] Lonxe de querer reproducir aquí un debate entre o ecocéntrico e o antropocéntrico, pretenderíamos máis ben reivindicar a necesidade da integración de ambos, xunto con perspectivas pluricéntricas, é dicir, abertas a unha pluralidade de valores tanto intrínsecos, como relacionais ou instrumentais. Para profundizar neste interesante tema, ver este documento e este informe do IPBES (Plataforma Intergubernamental para a Biodiversidade e os Servizos dos Ecosistemas de Nacións Unidas), e os interesantes traballos de Chan et al., (2016), Piccolo (2017) e Arias-Arévalo et al. (2017).


[4] Un bo recurso para comenzar a orientarse no amplo mundo dos servizos dos ecosistemas é a web da “Evaluación de los Ecosistemas del Milenio de Españahttp://www.ecomilenio.es/. Para a relación entre biodiversidade, funcións e servicios dos ecosistemas ver Cardinale et al., 2012, e Harrison et al., 2014.

[5] De feito, xa en 2011 na “Estrategia de la UE sobre la biodiversidad hasta 2020: nuestro seguro de vida y capital natural[COM (2011) 244 final] faise referencia como un dos seus obxectivos específicos que os ecosistemas e os seus servizos foran mantidos e mellorados a través do establecemento de infraestruturas verdes. Para cumprir ese obxectivo, a UE publica o seu documento estratéxico “Infraestructura verde: mejora del capital natural de Europa[COM (2013) 249 final].

[6] Aprobada a través da “Orden PCM/735/2021, de 9 de julio, por la que se aprueba la Estrategia Nacional de Infraestructura Verde y de la Conectividad y Restauración Ecológicas”. Ver aquí.

[7] O documento do “Proxecto de orde pola que se aproba a Estratexia galega da infraestrutura verde e da conectividade e restauración ecolóxicas” actualmente está en proceso de aprobación, logo de pasar a fase de exposición pública. Inclúe a cartografía á que se fai referencia no texto, e está dispoñible aquí.

[8] O documento do proxecto de orde antes mencionado é bastante sintético, e non recolle moitos dos esforzos desenvolvidos para avaliar a capacidade do territorio galego para a provisión de servizos ecosistémicos, o deseño dos propios elementos de infraestrutura verde, ou a suxestión de solucións para a súa integración socioeconómica. Ver por exemplo os traballos de García et al. (2020) ou o de Díaz-Varela et al., 2019

[9] Desgraciadamente, xa que a “coherencia sectorial”, é dicir, a capacidade dos diferentes sectores e niveis representados nas administracións públicas para actuar de forma coordinada ante os problemas que plantexa a ordenación territorial, é recoñecida como un dos requisitos precisos para unha boa gobernanza. Ver por exemplo o traballo de Farinós-Dasí (2008) ou a comunicación da Comisión Europea “La gobernanza europea - Un Libro Blanco” [COM (2001) 428 final].

[10] Ver por exemplo os traballos de Forman (1995), Jaeger (2000) ou Bogaert et al. (2004)

[11] É certo que o proxecto estima a execución dunha serie de pasos para fauna, o que resulta un avance; pero non se debe confundir a conectividade asociada á función ecolóxica dun elemento territorial (en termos cualitativos), con exclusivamente a capacidade de superar o obstáculo por parte da fauna (inda que funcione en termos cuantitativos).

[12] Dende hai uns anos vimos colaborando coa Asociación Veciñal de Chapela (Redondela, Pontevedra) co fin de analizar as posibilidades de mellora das infraestruturas verdes a partir de iniciativas das comunidades locais, nun caso na que as infraestruturas viarias teñen representado unha notable limitación para a mobilidade peonil e o acceso ós servizos dos ecosistemas por parte da poboación. Ver Díaz-Varela, Fernández-Villar, & Diego-Fuentes, (2021).


[13] O carácter espacialmente estratéxico é patente xa nas propostas de planificación de corredores verdes ou "greenways" (para exemplos específicos pódense consultar p.ex. os traballos de Ahern (2002) e Jongman & Pungetti (2004), e o de Herrera & Díaz-Varela (2013) para unha referencia xenérica na base científica das redes ecolóxicas). As perspectivas actuais para as infraestruturas verdes son moi semellantes, incidindo nos aspectos de conectividade e diversidade nos seus elementos constituintes. Ver o traballo de Gradinaru & Hersperger (2018) na aplicación á planificación espacial estratéxica, e as revisións de Monteiro et al. (2020; 2022)


[14] Non é pedir nada inusual, pero é preciso un compromiso por parte de toda a sociedade. Exemplos de cidades de referencia polas súas infraestruturas verdes como Berlín non xurden da nada. Como conta este blog, "A identidade verde de Berlin non é accidental. Precede unha longa historia de planificación urbanística". Tamén a Anella Verda de Barcelona xurde dun esforzo continuado de planificación, no que ata o antes citado Richard Forman ten presentado as súas propostas. Ver Forman, 2004.

783 visualizaciones0 comentarios

Comments


Publicar: Blog2_Post
bottom of page