top of page
Buscar

Cómo contribúen as economías locais relacionadas co castaño á conservación da biodiversidade nas montañas de O Courel?

compasses0

Vense de publicar pola editorial Springer hai uns días en aberto o libro Business and Biodiversity: Reciprocal Connections in the Context of Socio-Ecological Production Landscapes and Seascapes (SEPLS) [Negocios e biodiversidade: conexións recíprocas no contexto de paisaxes e mariñas produtivas socio-ecolóxicas (SEPLS)], editado por Maiko Nishi, Suneetha M. Subramanian e Philip Varghese, da International Partnership for the Satoyama Initiative (IPSI) e a United Nations University – Institute for Advanced Study of Sustainability (UNU-IAS). No mesmo, procurase mellorar a comprensión das implicacións das decisións e prácticas económicas sobre os SEPLS e, á inversa, da influencia dos SEPLS nas actividades económicas. Para iso, analízanse evidencias recollidas por socios da International Partnership for the Satoyama Initiative (IPSI), entre os cales atópase o noso centro, a Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da Universidade de Santiago de Compostela (USC).

Portada do Volume 9 correspondente coa serie "Satoyama Initiative Thematic Review"
Portada do Volume 9 correspondente coa serie "Satoyama Initiative Thematic Review"

Así, o volume, que fai o número 9 na colección "Satoyama Initiative Thematic Review", trata de abordar cuestións como:

·         Que beneficios dos SEPLS teñen impacto directo ou indirecto nas actividades económicas baseadas en recursos naturais?

·         Como afectan as empresas ós SEPLS, positiva ou negativamente? Como se poden medir estes efectos?

·         Que iniciativas existen para mitigar os impactos económicos negativos nos SEPLS e fomentar modelos sostibles? Como colaboran os diferentes actores para xestionar estes impactos?

·         Como contribúe o coñecemento tradicional e a diversidade cultural a decisións empresariais sostibles e socialmente responsables?


Fragmento do capítulo, que mostra unha figura coa superposición entre os usos do solo en Folgoso do Courel e a extensión queimada nos lumes forestais de 2022.
Fragmento do capítulo, que mostra unha figura coa superposición entre os usos do solo en Folgoso do Courel e a extensión queimada nos lumes forestais de 2022.

Para facelo profundouse a través dun conxunto de 12 estudos de caso de 11 países diferentes. Entre eles atópase a nosa contribución, titulada: Chestnut Production-Related Businesses in the Courel Mountains of Galicia, NW Spain: An Opportunity for Biodiversity Conservation, Ecosystem Restoration, and Rural Development [Negocios relacionados coa produción de castaña nas montañas do Courel, en Galicia, NO de España: Unha oportunidade para a conservación da biodiversidade, a restauración dos ecosistemas, e o desenvolvemento rural]. Froito da colaboración entre COMPASSES e os grupos de investigación da USC ECOAGRASOC, e BIO-APLIC, a Escola Politécnica de Mieres da Universidade de Oviedo, e o Instituto Interuniversitario de Investigación del Sistema Tierra en Andalucía (IISTA), e coa inestimable colaboración de empresas como Caurelor ou Delicias do Souto, e da IXP Castaña de Galicia, o capítulo analiza o papel da actividade económica relacionada coa produción de castaña nas Montañas de O Courel (Galicia, España).


Fragmento do capítulo, cunha figura que esquematiza os elementos e as interacións complexas nas paisaxes produtivas socio-ecolóxicas do castaño en Folgoso do Caurel
Fragmento do capítulo, cunha figura que esquematiza os elementos e as interacións complexas nas paisaxes produtivas socio-ecolóxicas do castaño en Folgoso do Caurel

O traballo destaca o impacto positivo que ten a actividade ligada ó castaño na conservación da biodiversidade, a restauración dos ecosistemas e o desenvolvemento rural: os soutos, identificadas coma paisaxes produtivas socio-ecolóxicas (SEPLs) tradicionais, presentan unha gran diversidade biolóxica e ofrecen múltiples servizos ecosistémicos de abastecemento, regulación e culturais. O estudo examina as interaccións entre a economía local e a sustentabilidade dos soutos a través de datos estatísticos, análise territorial e casos de estudo constituídos por empresas locais. Os resultados subliñan a forte interdependencia entre ditas empresas e os ecosistemas do castaño e os desafíos que afrontan, tales como o abandono da xestión tradicional, os incendios forestais ou as pragas e enfermidades. A investigación conclúe que apoiar estas iniciativas pode favorecer a sustentabilidade e o equilibrio socioeconómico da rexión.

O libro está a ser distribuído como “Open Access”, e pode ser obtido en formato dixital de forma íntegra na páxina de Springer:

 
 
 

Comments


Publicar: Blog2_Post
  • Instagram
  • Twitter

©2022 por COMPASSES. Creada con Wix.com

bottom of page