Comezamos unha nova páxina para o Grupo de Investigación GI2182 "Planificación e Xestión en Sistemas Socio-Ecolóxicos Adaptativos Complexos (COMPASSES)". COMPASSES comezou a súa andaina de forma moi recente (de feito, o pasado ano 2021), xurdindo dunha inquedanza: a de intentar centrar o esforzo investigador na comprensión da complexidade e dinámica das relacións entre os compoñentes de territorios, sociedades e organizacións, como base para a mellora no desenvolvemento futuro das mesmas.
Logo de múltiples anos de traballo no ámbito dos proxectos e a planificación (sobre todo en espazos rurais, pero tamén noutros ámbitos), segue a sorprender a frecuencia coa que se chega a unha reflexión final: a de que pese ás evidencias [1] de que os territorios e paisaxes emerxen de interaccións complexas establecidas entre elementos moi diversos, rara vez o recoñecemento desta complexidade trascende o eido científico para afectar, dunha ou outra maneira, á práctica da planificación ou xestión nas súas diferentes formas.
Lonxe da nosa intención extendernos nesta entrada de blog as razóns para esta falta de conexión (e tampouco as sabemos todas ;-) , pero adiantaremos aquí unha serie de reflexións, xa que están entre as que se poden atopar no fundamento da posta en marcha de COMPASSES.
A primeira consideración a facer tería que ver con esa característica dos territorios e paisaxes coma resultado de interacións complexas entre elementos múltiples e diversos. Se os vemos dende este prisma, podemos denominalos dende un punto de vista científico coma sistemas complexos adaptativos, ou abreviando polo seu acrónimo en inglés (complex adaptive systems), coma"CAS". Os CAS serían así sistemas compostos habitualmente por un número elevado e diverso de elementos constituíntes (en ocasións denominados ‘axentes’), que interactúan entre eles e que teñen a capacidade de aprender ou adaptarse en resposta ás devanditas interaccións [2]. Exemplos habituais de CAS son o clima, os organismos vivos, os ecosistemas, os sistemas e redes sociais, os mercados, as organizacións... e os territorios. Vaia, que CAS é cas-e todo! (Non se preocupe o/a lector/a: logo matizamos).
Dúas cuestións relativas ós CAS interésannos para o tema que nos ocupa: a primeira, que a consecuencia de cómo están compostos e cómo interactúan os seus compoñentes, os CAS mostran características como a capacidade adaptativa e evolutiva (son entes dinámicos), a organización xerárquica (que moitas veces aparece como auto-organización sen un ente coordinador central), ou a emerxencia de resultados globais non predicibles a partir do comportamento dos seus elementos constituíntes (pensade por exemplo nunha bandada de paxaros ou peixes fuxindo dun depredador - ver o vídeo máis abaixo). A segunda que, pese a amplitude de ámbitos dende os que se teñen abordado os sistemas adaptativos (p.ex. teñense recoñecido na bioloxía, a cultura, a civilización ou a tecnoloxía), existen regras e regularidades que poden ser expresadas nunha linguaxe científica común. Estas cuestións son importantes ó afrontar a planificación e a xestión; de non facelo, por unha parte caeríamos en considerar aquelo que planificamos coma un ente fixo, ignorar a forma na que se organiza no espazo e no tempo, ou intentar tomar a parte polo todo, todas elas razóns de estrepitosos fracasos en procesos de planificación. Por outra, non nos decataríamos de que o que comprendemos dos diversos CAS pode, por analoxía, axudarnos a entender mellor o problema de aquel sistema co que estamos traballando.
Video: un exemplo típico ligado á emerxencia característica nos CAS: estorniños (Sturnius unicolor) fuxen dunha ave de presa mediante estratexias de cohesión sen unha coordinación central. Evolucións similares poden darse en bancos de peixes, e en masas furibundas no primeiro día das rebaixas.
Por outra parte, podemos considerar os "CAS" cos que estamos a tratar (territorios, paisaxes e incluso as organizacións e comunidades de persoas que neles se desenvolven) coma Sistemas Socio-Ecolóxicos (ou "SES", do inglés "social-ecological systems"). Estes serían un tipo especial de CAS (ou unha forma específica de velos) no que a interdependencia entre as persoas e sociedades (considerando os seus diferentes aspectos sociais, económicos ou culturais) e o medio biofísico no que se desenvolven (nos seus diferentes niveis, elementos e relacións) é un elemento fundamental para o seu coñecemento e interpretación. Dependendo do propio sistema, esta interdependencia pode presentar diferentes niveis de proximidade física entre sociedades e medio, o cal xunto con outros factores modula as percepcións que persoas, organizacións e sociedades teñen sobre a mesma. Moitas aproximacións á xestión e á planificación (incluso aquelas cunha mellor intención de cara ó desenvolvemento sostible) téñense fundamentado en visións que dividen de forma artificial sociedade e natureza; en cambio na visión dos SES, a primeira é unha parte de (e non un "aparte" de [3]) a segunda. Pasar por alto a interdependencia entre as compoñentes do sistema é unha forma habitual de ignorar a súa complexidade. As consecuencias desta ignorancia serían múltiples (e tamén complexas), pero poderíamos citar exemplos coma considerar os recursos naturais como inesgotables, pasar por alto a relación entre o bon estado dos ecosistemas e o benestar das sociedades, ou valorar o que obtemos do ambiente só en termos monetarios ou materiais.

Finalmente (e dunha forma máis particular) os SES, no seu aspecto social, poden estar representados por múltiples persoas, institucións e organizacións cunha grande diversidade nas visións sobre dous elementos que son básicos na procura de solucións ós problemas que percibe: os fins (é dicir, o "por que" de facer algo) e os medios (o "como"). O nivel de acordo nos fins e de coñecemento dos medios existente na sociedade pode condicionar, como nos lembran as teorías de xestión organizacional [4] tanto o nivel de comprensión do problema en sí mesmo coma o de adecuación da resposta elixida. Aínda así, boa parte das tendencias "clásicas" en planificación e xestión tenden a un tratamento simplista de ambalas dúas variables, considerando como hipótese inicial de partida que existe acordo nos fins (todo o mundo está de acordo no problema a solucionar) e coñecemento nos medios (todo o mundo sabe como facelo). Na mesma lóxica das reflexións anteriores, cáese nestes casos en ignorar a diversidade de opinións (por exemplo nos procesos de participación pública cando non se consideran visións diverxentes), ou asumir que as solucións adoptadas de forma desacoplada ó funcionamento do sistema son suficientes (exemplos recentes nas crises climáticas e do COVID-19 proporcionan numerosos exemplos ó respecto). A consecuencia final é a intratabilidade dos problemas abordados.

Evidentemente, poderíamos facer moitas máis reflexións de por qué en planificación e xestión se trata o complexo como se fose simple (e pode que o fagamos en futuras publicacións). Nesta primeira entrada só pretendemos plasmar unha pequena parte da visión inicial coa que, dende a rede de investigadores que nos coordinamos a través de COMPASSES, queremos abordar un tema que consideramos tan fascinante coma necesario: o de tentar comprender mellor cómo son, funcionan e cambian co tempo os territorios, sociedades e organizacións, para poder garantir un mellor futuro para eles sendo imaxinativos e innovadores na súa planificación e xestión.
Referencias:
[1] Resulta complicado facer unha relación equilibrada, moito menos completa, ou mesmo xusta das referencias ó respecto na literatura científica, pero deixándonos levar por preferencias case persoais, poderíamos mencionar o prolífico traballo de Zev Naveh (seleccionando por exemplo, Naveh, 2004) na disciplina da ecoloxía da paisaxe, ou simplemente como resultado dunha procura rápida, as publicacións de Ryan et al., 2007, Plieninger & Bieling, 2012, ou Newman et al., 2019.
[2] Unha vez máis, complicado dirixir a fontes externas pola súa diversidade e abundancia. Pero podería recomendar por exemplo Levin, 1998, Miller and Page, 2009 ou os máis divulgativos Axelrod & Cohen, 2008 ou Holland, 2014.
[3] Un bonito xogo de palabras de Berkes, F., & C. Folke (1998)
[3] Unha cita coñecida sería a de Stacey 1996, pero polo tratamento extenso do concepto no relativo ó enfoque dos problemas, pode ser interesante incluir tamén a Hoppe, 2015. Sen limitarnos pola teoría organizacional, as de planificación tamén refiren o concepto. Ver p.ex. o clásico Alexander, 1992.
Commentaires