Ven de ser concedido recentemente na convocatoria "Proxectos Colaborativos Campus Terra" o proxecto "CASTEXEN: Localización e diferenciación de castaños (Castanea sativa Mill.) enxertados con cultivares tradicionais mediante análise espazo-temporal de imaxes aéreas e xenotipado por SSR". O proxecto, coordinado polo noso Grupo de Investigación COMPASSES, pretende, a través dunha perspectiva colaborativa e transdisciplinar, a identificación de variedades antigas de castaño co fin de mellorar o coñecemento da especie no noroeste peninsular, e analizar a súa contribución á diversidade xenética, específica e ecosistémica nos sistemas socio-ecolóxicos nos que o souto ocupou ou aínda ocupa un lugar importante.
Este obxectivo xenérico vai ser desenvolvido a través dunha serie de metas específicas, como son:
- A localización de exemplares antigos en lugares de difícil acceso empregando sistemas de información xeográfica (SIX) e teledetección, sobre a base da comparación de ortofotografías antigas (1956-57), imaxes de satélite históricas e materiais recentes obtidos por diferentes tipos de sensores remotos;
- A mostraxe en campo para a verificación dos datos obtidos nas análises espazo-temporais previas, a recollida de mostras para a súa análise en laboratorio, e o emprego de sistemas aéreos non tripulados (SANT) para a toma de imaxes de alta resolución dos soutos analizados;
- A análise dendrocronolóxica para a verificación da antigüidade das árbores, e a caracterización da súa resiliencia temporal a cambios no clima, usos do solo e dinámica forestal;
- O xenotipado en laboratorio empregando metodoloxías SSR (microsatélites) para identificar xeneticamente as variedades localizadas.
- Finalmente, empregar toda a información anterior para o establecemento de medidas de conservación e xestión.
No proxecto colaborarán membros de tres grupos de investigación diferentes, nomeadamente:
- GI2182 COMPASSES (Planificación e Xestión en Sistemas Socio-Ecolóxicos Adaptativos Complexos): Emilio Díaz Varela e Pedro Álvarez Álvarez (da Universidade de Oviedo, profesor colaborador externo do grupo, e actualmente facendo unha estadía de investigación longa na USC); responsables da coordinador do proxecto, a localización dos soutos e da súa análise estructural e funcional e da súa integración nos sistemas socio-ecolóxicos relacionados;
- GI1649-AGRONOMÍA E C. ANIMAL (Agronomía e Ciencia Animal): Santiago Pereira Lorenzo e Ana María Ramos-Cabrer, que serán os responsables do proceso de xenotipado para a identificación do material xenético correspondente ós castaños;
- GI1809-BIOAPLIC (Biodiversidade e botánica aplicada): Ramón Díaz Varela, responsable da análise espacial empregando sistemas aéreos non tripulados (SANT); e Ignacio García González, responsable da aplicación de técnicas dendrocronolóxicas para a datación dos exemplares seleccionados para a mostraxe.
Dende o proxecto CASTEXEN, considerase que as accións de localización, diferenciación e catalogación dos castiñeiros e dos soutos constitúen as actividades esenciais de cara a conservación destes sistemas de especial importancia histórica e socio-ecolóxica. Por todo elo, agardase que CASTEXEN permita a obtención de resultados que incrementen o coñecemento dende o punto de vista da conservación e preservación de recursos xenéticos, da diversidade varietal, e dun xeito xenérico da funcionalidade destes soutos e a mellora da súa capacidade de provisión de servizos ecosistémicos. Particularmente, agárdase que o traballo permita a identificación e localización de cultivares tradicionais de castaño cun alto valor tanto dende o punto da xenético como ecolóxico e cultural, e que no futuro podan ser empregados para o seu emprego na rexeneración de soutos, que actuando como elementos de infraestrutura verde no rural podan incrementar a diversidade xenética, específica e cultural nas paisaxes e a súa capacidade de provisión de servizos dos ecosistemas.
Comments